Este espazo será o lugar onde o equipo da UPD subministrará información puntual sobre a situación sociolaboral e económica do territorio abranguido por este Pacto Territorial, así como tamén diferentes estudos e análises realizados polo seu equipo técnico. O Pacto Territorial de Emprego da Mariña abrangue o territorio dos seguintes concellos: Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Xove, Lourenzá, Mondoñedo, Muras, Ourol, A Pontenova, Ribadeo, Riotorto, Trabada, O Valadouro, O Vicedo e Viveiro. Ademáis dos concellos, forman parte do Pacto Territorial de Emprego da Mariña os sindicatos C.C.O.O. e U.G.T., a Confederación de Empresarios de Galicia, e o departamento da Xunta de Galicia con competencias en materia de emprego.

Avance de datos de paro rexistrado. Novembro de 2009



Á espera de ter rematado o informe completo de paro rexistrado no mes de Novembro, avanzamos uns primeiros datos que nos permiten ter unha idea da situación actual do desemprego no territorio do Pacto.

O paro rexistrado no Pacto Territorial de Emprego da Mariña aumentou no pasado mes de Novembro en 184 persoas, o que supón un 4,54% máis de paro que o mes pasado. Aínda así, esta variación e moi inferior a sufrida no mesmo mes do 2008 cando o paro aumentara en 315 persoas (un 9,82%). A porcentaxe de aumento do paro sitúase entre os valores correpondentes á provincia de Lugo (onde o aumento do paro foi dun 5,50%) e os da comunidade autónoma de Galicia (onde aumentou o 3,78%).

O aumento do paro foi maior entre os homes que entre as mulleres. Mentres o paro masculino aumenta no derradeiro mes un 5,56%, o paro feminino faino un 3,76%. A variación interanual do paro reflicte que no Pacto é onde mais aumentou nos derradeiros doce meses. Con un aumento do 20,24% supera os aumentos da provincia de Lugo, onde aumentou o 20,04% e o de Galicia onde aumentou o 19,91%.

A análise dos datos por concellos mostra que o paro rexistrado só descendeu en dous dos dezasete concellos do Pacto. Estes concellos son Xove e Trabada. No concello de Ourol o paro non trocou e nos restantes aumentou. Os maiores aumentos son os que se corresponden aos concellos de Lourenzá, Alfoz, O Vicedo e O Valadouro. Estudando a variación interanual do paro non hai ningún concello que teña menos parados en novembro de 2009 que en novembro de 2008. Os concellos onde máis aumentou o paro no derradeiro ano foron O Vicedo, Lourenzá, Cervo e Burela. E os concellos nos que se rexistran os menores aumentos do paro son A Pontenova, Ourol, Muras e Ribadeo.







Mañá, xoves 3 de Decembro, estará dispoñible para a súa descarga, o informe completo do Observatorio do Paro correspondente ao mes de Novembro de 2009
 
Ir Arriba